OS PRIMEIROS TRABALLOS DA RÚA DA PRAVIA DEIXAN AO DESCUBERTO TUBERÍAS ANTIGAS DE PLOMO

O grupo de goberno do Concello de Vilalba vén de informar á veciñanza da reposición inmediata das acometidas de plomo nunha das seccións da rúa da Pravia, material prohibido desde preto de hai 20 anos.

A posta en marcha dos primeiros traballos nesta rúa coa instalación dunha tubería exterior a modo de by-pass durante as obras con entroques a cada inmoble para garantir o subministro de auga deixou ao descuberto que algunhas das tuberías antigas eran de plomo. O Real Decreto 140/2003 recolle no seu artigo 20 a prohibición da presenza de plomo en augas subministradas a través dunha rede de distribución pública ou privada.

“Para a nosa sorpresa, detectouse que en numerosas acometidas onde se está colocando o bypass atopáronse tuberías de plomo e tamén outras de fibrocemento, polo que lamentamos que non se atallara esta situación en toda a rúa nalgunha das ocasións nas que se levantaron beirarrúas e se fixeron obras”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Luis Fernández.

Co inicio das obras na rúa da Pravia porase fin a este problema que se leva arrastrando durante moitos anos, “porque de sabelo, teríamos actuado con anterioridade”, afirman desde o goberno local.

A renovación integral e humanización desta rúa inclúe novas canalizacións para o abastecemento de auga, solventando os problemas dunha instalación antiga, obsoleta, e que agora se sabe que co emprego de materiais xa prohibidos e que deberan terse retirado hai décadas.