O Concello de Vilalba publica esta ordenanza para responder adecuadamente ás necesidades que a actividade subvencional das Administracións Públicas esixe actualmente nos aspectos de transparencia, control financeiro e réxime sancionador.
A Ordenanza Xeral de Subvencións contempla as actividades de tipo social, cultural, deportivas e outras, cuxas convocatorias son as máis frecuentes no ámbito municipal, precisamente polo seu carácter complementario dos servizos públicos.
Vilalba cumpre así con todas as obrigacións legais e normativas, previas á aprobación das diferentes convocatorias de subvencións.
A presente ordenanza ten por obxecto a regulación do réxime xurídico xeral e das bases reguladoras das subvencións que se outorguen polo Concello de Vilalba, iso sen prexuízo de que, ao amparo do artigo 17.2 da Lei 38/2003, do 12 de novembro, Xeral de Subvencións, poidan aprobarse Ordenanzas específicas que establezan as bases para modalidades concretas de subvencións; nese caso, a presente Ordenanza Xeral terá carácter supletorio.