O NOVO CONTRATO DE RECOLLIDA DE LIXO E LIMPEZA DE VILALBA CONLEVARÁ UNHA IMPORTANTE MELLORA NA PRESTACIÓN DO SERVIZO

O Concello de Vilalba levará ao pleno extraordinario deste venres, 14 de xuño, o expediente de contratación do novo servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria, así como a aprobación da convocatoria de licitación.

Os pregos do contrato elaborados polo concello suporán que a empresa adxudicataria teña que aportar importantes melloras técnicas e de innovación na prestación do servizo, tanto no casco urbano como nas parroquias, renovando a maquinaria e adaptando o seu traballo diario á realidade actual de Vilalba.

Coa nova licitación, incrementarase a frecuencia da recollida de lixo e da limpeza das rúas de Vilalba.

“Un dos grandes contratos municipais e sen dúbida un dos máis importantes, queremos que Vilalba conte cun servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de calidade, eficiente e sostible”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.

O contrato terá un importe base de licitación de 18 millóns de euros e será por 10 anos, co obxectivo de que a empresa poda compensar os investimentos que deberá realizar nun primeira fase en nova maquinaria e melloras técnicas. O inicio da prestación do contrato está previsto para o 1 de xaneiro de 2025.

O concurso valorará “a implantación de sistemas que garantan a seguranza na xestión da calidade e no cumprimento das normas de xestión medioambientais”.

O servizo inclúe a contenerización, a recollida de todo tipo de residuos e a limpeza viaria, ademais da limpeza anterior e posterior da celebración de eventos, e da praia fluvial e a contorna da Madalena durante o periodo estival.

As empresas que concorran ao proceso de licitación deberán concretar de forma detallada as melloras que aplicarán no servizo, a innovación tecnolóxica, as características da nova maquinaria e outros aspectos, como as actividades de concienciación cidadá.