O MURAL DA GALEGA LULA GOCE, UNHA DAS MELLORES ARTISTAS DE ARTE URBANO DO MUNDO, A PIQUES DE REMATAR EN VILALBA

Un novo mural que se suma aos da rúa Carmiña Prieto Rouco e rúa do Cotarón, de Pablo Lage (Van-Kraft) e Miguel Peralta (Cestola na Cachola)

O Concello de Vilalba estrea un novo mural, neste caso realizado na Travesía dos Castros pola prestixiosa artista Lula Goce, unha das mellores do mundo na especialidade de arte urbano.

Membros do goberno local visitaron esta mañá o lugar, no que xa está a piques de rematar a súa obra a artista natural de Baiona. Unha representación cunha muller observando tras unha cortina e unha pelexa de galos, que segundo a creadora, á que o concello lle deu liberdade absoluta, representa o que ocorre no mundo actual e tamén é un guiño á Feira do Capón.

Lula Goce, ten murais en cidades como Nova Iorque, París, Miami, Berlín, Bruselas, Valencia e Barcelona, así como en diferentes concellos galegos.

Coas súas obras, transforma as fachadas dos edificios en obras de arte, cun estilo figurativo no que moitas veces representa a mulleres, nenos ou nenas en ambientes imaxinarios, integrando sempre os seus traballos co lugar nos que os realiza.

O Concello de Vilalba, a través das súas concellerías de Infraestruturas e Cultura, continúa desta forma co seu proxecto de humanización do casco urbano.

Nos últimos meses inauguraronse outros murais na rúa Carmiña Prieto Rouco, obra do artista urbano Pablo Lage Sanjurjo (Van-Kraf), e na rúa Cotarón, de Miguel Peralta (colectivo Cestola na Cachola).