A contía total ascenderá a 13.366.085 euros, dos cales o 70% se destinará á prestación de servizos públicos como o Servizo de Axuda no Fogar, o novo contrato do lixo ou o alumeado público
A alcaldesa, Marta Rouco, defenderá no pleno ordinario deste xoves, 30 de xaneiro, un orzamento municipal para o ano 2025 “cun marcado compromiso social, seguindo a liña dos anos anteriores”.
Un 70% dos 13.366.085 euros aos que ascende o orzamento do Concello para o 2025 destinarase á prestación de servizos públicos. “A partida do Servizo de Axuda no Fogar ascende a 3,4 millóns de euros, que nos permiten atender a máis de 300 veciños e veciñas, o que se traduce en 14.700 horas mensuais de servizo”.
Tamén nos servizos públicos estará incluída a partida de 1,5 millóns de euros do novo contrato do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria, así como os 500.000 euros do custe do alumeado público, o mantemento da piscina municipal climatizada, os contratos de conserxería dos edificios públicos, a prevención de incendios forestais e outros contratos como o de desratización, control de pragas e desbroces.
“En total o orzamento contempla case 9.380.000 euros para a prestación de servizos públicos, aos que se suman 3.200.000 euros para gastos de persoal”, explicou a rexedora, Marta Rouco. Nese sentido, “como novidade no persoal municipal crearase unha praza de técnico en medio ambiente”, apuntou Rouco.
Un novo posto cuxas funcións serán, entre outras, a supervisión da xestión integral de residuos, o control das zonas verdes urbanas e áreas silvestres do municipio ou a inspección da contaminación da auga, chan e aire.
En consecuencia, ao goberno local quedaranlle 500.000 euros de libre disposición, dos cales case o 80% se destinará ás subvencións nominativas a entidades sociais e deportivas, ás axudas de libre concorrencia para agrupacións culturais e “ás subvencións nominativas das festas das parroquias que este ano recuperamos dentro do orzamento municipal”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.
Ademais, dentro da contía de libre disposición encadraranse os proxectos de dinamización rural, os programas para animación infantil e xuvenil e “14.000 euros que se investirán na organización e realización de actividades para os nosos maiores”.
Por último, no capítulo de investimentos, o Concello inclúe neste orzamento do 2025 o proxecto para o cambio de localización e a construción dunha área de auto caravanas na zona da Madalena, o que terá un custe de 32.100 euros. “Desta forma damos resposta á petición da Asociación Galega de Autocaravanas e creando un espazo máis amplo, con mellores dotacións e nunha contorna natural única” salientou Marta Rouco.