O GOBERNO LOCAL LEVA A PLENO A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN INFORMATIVA ESPECIAL DE HONRAS, DISTINCIÓNS E MEMORIA DEMOCRÁTICA

A alcaldesa, Marta Rouco, explicou que se trata dunha iniciativa para «escoitar a voz de todos e buscar o maior consenso posible»

O pleno ordinario que se celebrará hoxe na Casa Consistorial ás 18 horas abordará a creación dunha comisión informativa especial de honras, distincións e memoria democrática. Unha cuestión sobre a que o goberno local levaba meses traballando e coa que pretenden «escoitar a voz de todos e buscar o maior consenso posible», explicou a rexedora, Marta Rouco.

Dita comisión informativa, que estará formada por representantes de todas os partidos políticos que conforman a corporación local, terá diversas funcións encamiñadas a cumprir a Lei de Memoria Democrática e tratar novas propostas de honras e distincións. Para iso, revisarase o rueiro do casco urbano e aqueles bens públicos con referencias e simboloxía franquista que aínda permanecen no municipio.

«Temos múltiples referencias a persoas destacadas da época franquista que é preciso revisar, Vilalba non pode ser unha excepción no cumprimento da Lei de Memoria Democrática», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que ademais explicou que «a comisión informativa tamén ten por obxecto analizar as propostas de novas honras e distincións, escoitando a opinión dos propoñentes e permitindo que determinados bens públicos ou monumentos leven o nome de persoas destacadas do noso municipio ou da contorna».

Así pois, a comisión informativa estará aberta á participación de persoas expertas na materia que poida aportar información relevante á hora de analizar a simboloxía franquista ou tomar determinadas decisións tanto na retirada de honras e distincións como na proposta de outras novas.

OUTROS ASUNTOS

A convocatoria do Pleno tamén inclúe outros puntos como a proposta da Alcaldía relativa aos festivos locais no municipio vilalbés para o ano 2025, sendo estes o martes de Carnaval, 4 de marzo, e o 1 de setembro, coincidindo este coa festividade local de Santa María.

«Ao ser domingo o 31 de agosto, día de San Ramón, decidimos mudar esa festividade ao martes de Carnaval», explicou a rexedora, Marta Rouco, sobre a proposta de días festivos que, previsiblemente, quedará aprobada esta mesma tarde na sesión plenaria.