O GOBERNO LOCAL LEVA A PLENO A ADXUDICACIÓN DO NOVO CONTRATO DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS E LIMPEZA VIARIA

O Concello celebrará mañá, venres 20 de decembro, un pleno extraordinario ás 9.00 horas no que se prevé aprobar a adxudicación dun dos contratos máis importantes da presente lexislatura: o contrato para o servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria.

Nesa liña, o goberno local defenderá a proposta de adxudicación da mesa de contratación, que outorga o contrato á Unión Temporal de Empresas conformada pola Sociedade Anónima Garbialdi e a Sociedade Anónima Unipersonal FCC Medio Ambiente.

Unha decisión fundamentada nas melloras que figuran na oferta das empresas adxudicatarias, entre as que destacan a renovación de todos os vehículos, da maquinaria por unha de última xeración en eficiencia e contaminación acústica e emisións, e dos colectores.

“Estas melloras repercutirán directamente no servizo prestado aos veciños e veciñas e suporán unha importante inversión que chegará ata os 2,4 millóns de euros”, explicou a rexedora, Marta Rouco.

Pola súa banda, tamén se implantará a recollida lateral, o que repercute nunha maior eficiencia e aporta unha uniformidade á contenerización de todas as fraccións de residuos.

No ámbito da limpeza viaria, tamén haberá importantes melloras, grazas á utilización de carros e vehículos eléctricos auxiliares para levar a cabo unha limpeza máis eficiente e recorrente nas rúas do casco urbano.

Tamén se incrementarán os días de recollida de residuos nas parroquias do rural. Ademais, nos núcleos de O Santo, Goiriz, Lanzós e Guadalupe a frecuencia de recollida igualarase á do casco urbano. 

En termos numéricos, o servizo contará con 2 recolectores de carga lateral, 2 recolectores de carga traseira, 1 camión de caixa aberta con grúa e plataforma, 640 colectores de carga lateral, 700 colectores de carga traseira, 3 carros eléctricos para limpeza viaria, 3 vehículos eléctricos auxiliares para limpeza viaria, 1 barredora, 1 baldeadora, 1 furgón hidrolimpiador, 1 furgón taller, 1 furgoneta eléctrica, desbrozadoras, sopradoras e 430 infraestruturas para fixar os colectores, que se complementarán con bases de formigón.

“Tal e como expresamos cando o contrato se sacou a licitación, buscabamos que Vilalba contase cun servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de calidade, eficiente e sostible, e consideramos que esta proposta de adxudicación cumpre os tres requisitos, adaptando o servizo de recollida de lixo do noso municipio á súa realidade actual”, salientou a alcaldesa, Marta Rouco.

RENOVACIÓN DE RÚAS NO CASCO URBANO

Outro dos asuntos que se abordará na sesión plenaria deste venres será o proxecto de renovación da capa de rodaxe da Rúa Rouco Varela e do tramo da Avenida de Cospeito entre a Rúa de Foz e a Rúa de Abadín.

“A Rúa Rouco Varela conta cunha importante densidade de tráfico provocada pola súa localización e na actualidade o firme de formigón atópase moi deteriorado”, explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

En consecuencia, o proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe da rúa mediante unha capa de aglomerado en quente, que permita regularizar e impermeabilizar a calzada. Ademais, as actuacións completaranse coa sinalización horizontal da rúa.

Na mesma liña, a Avenida de Cospeito verá renovado o seu firme, no tramo entre a Rúa Foz e a Rúa Abadín, mediante o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre o firme actual. A isto sumarase a recolocación dos pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros existentes, así como a sinalización horizontal da vía.

“Estamos a falar dunha das rúas con maior densidade de tráfico de toda a vila, pois actúa como circunvalación entre a parte este do núcleo urbano, o que provoca un desgaste da capa de rodaxe no tramo que aínda non foi renovado e que, con este proxecto, agardamos acometer canto antes”, concluíu o concelleiro Luis Fernández.