O GOBERNO DESTACA A APOSTA DO CONCELLO DE VILALBA “POLA EFICIENCIA ENERXÉTICA” AO CONVERTIR A CASA CONSISTORIAL NUN EDIFICIO SOSTIBLE E ACCESIBLE 

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, remarcou hoxe a aposta do Concello de Vilalba e do Executivo central “pola transición enerxética” ao convertir a Casa Consistorial nun edificio sostible e accesible. 

Rodríguez visitou o Concello de Vilalba, onde o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) investirá 943.000 euros para a rehabilitación integral da Casa do Concello nun edifico sostible, grazas a un proxecto presentado polo grupo de goberno local. 

Rodríguez, acompañada da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e dos concelleiros Luís Fernández e Antía Rama, destacou que esta actuación permitirá a renovación enerxética de máis de 3.000m2 do Concello, o de maior gasto e o que máis requiría unha intervención destas características pola cantidade e tipoloxía de servizos que alberga, reducindo nun 80% o consumo de enerxía. 

O Concello de Vilalba conseguiu esta subvención a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos para as entidades locais (PIREP local). Con esta axuda, que o goberno só destina a edificios públicos municipais, o edificio do Concello será accesible e funcional para os veciños, eficiente desde un punto de vista enerxético e actualizado. 

“No Concello estamos moi satisfeitos pola concesión desta subvención; presentamos un moi bo proxecto de remodelación dun edificio con actividade desde hai 40 anos, que precisa destas obras para facelo mais funcional dando resposta ás necesidades actuais, avanzando na accesibilidade e sobre todo para que sexa un edificio sostible con un importante aforro enerxético”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro. 

A subdelegada puxo en valor o proxecto do Concello, que “se aliña coas recentes iniciativas lexislativas tanto nacionais como europeas encamiñadas ao aforro de enerxía nos distintos sectores e o fomento das enerxías procedentes de fontes renovables”. 

Nesta liña, Rodríguez felicitou á alcaldesa de Vilalba “por sumar esforzos entre administracións para avanzar no camiño da optimización e sustentabilidade de recursos públicos” e subliñou que “situacións como as que vivimos actualmente, cun contexto de crise enerxética, demostran a acertada orientación que o Goberno deu aos fondos do Plan de Recuperación” 

O edificio terá unha nova fachada trasventilada en composite de aluminio e porcelánico extrusionado. Ademais, terá unha envolvente na cuberta con zinc e paneis solares fotovoltaicos no faldón sur, acompañados de baterías para garantir a subministración en horas sen produción, a fin de cubrir o 100% da demanda de electricidade, a cal diminuirá notablemente pola substitución das luminarias por sistemas LED de baixo consumo. 

Crearase un percorrido interior, a través das zonas comúns, guiado por un sistema ‘Wayfinding’ de cores para mellorar a accesibilidade cognitiva, integrando asentos, almacenaxe e servizos, reforzando ademais a barreira acústica que protexe do ruído ás oficinas. Os baños de cada planta adaptaranse para a mobilidade reducida, dotarase de maior iluminación natural aos espazos baixocubierta e faranse reaxustes puntuais de distribución. 

Máis aló da redución esixida de emisións, búscase minimizar ao máximo a demanda enerxética, seguindo o establecido no Plan Estratéxico PACES. Á súa vez prepararase o inmoble para as próximas décadas, repensando a relación cos usuarios, creando un gran sistema de distribución/servizo, que integre sinalización desde o acceso ao momento de atención, espazos de espera, servizos, almacenaxe e recollida de residuos específicos.