O documental presentarase o próximo martes 8 de marzo ás 17:00 na Casa da Cultura
Con motivo do Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, o Concello de Vilalba presentará un breve documental para dar visibilidade ao traballo das mulleres do municipio. A peza audiovisual será proxectada o mesmo martes, 8 de marzo, na Casa da Cultura ás 17:00.
Baixo o título, “Todas facemos Vilalba – Tecelás pola igualdade”, o vídeo busca amosar as realidades de oito mulleres de distintos sectores, profesións e xeracións que desenvolven a súa vida en Vilalba.
Deste modo, este vídeo convida a unha conversa aberta sobre a igualdade entre os sexos, vista dende diferentes ópticas, idades e culturas.
As protagonistas son 8 mulleres que viven en Vilalba, con ocupacións e historias persoais completamente distintas. Están incluídas neste documental moitas realidades, dende mulleres que migraron a Vilalba doutros países, mulleres que viven e traballan no rural, outras que desenvolven a súa profesión en sectores masculinizados, e tamén persoas con diversidade funcional. As diferentes franxas de idade tamén se contemplan, ademais de recollerse o traballo fóra e dentro do fogar.
O Concello de Vilalba anima á cidadanía a achegarse á proxección deste vídeo, a través do que coñecer a historias das mulleres do municipio, reivindicando máis que nunca a súa importancia.