O CONCELLO SUBSTITUIRÁ 12 FAROIS DOS EXISTENTES NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN LOGO DE CONCLUÍR O ESTUDO LUMÍNICO DA ZONA

O cambio, que se complementará cunha segunda fase na que se substituirán as restantes, vén producido polo deterioro actual das luminarias e a inexistencia de recambios no mercado para acometer o mantemento das mesmas   

O Concello continúa o seu proceso de mellora na iluminación de infraestruturas públicas e vén de concluír un estudo lumínico da Praza da Constitución ao que seguirá a substitución de 12 farois dos existentes na actualidade.

O cambio vén provocado polo deterioro das luminarias e a inexistencia de recambios no mercado para acometer o mantemento das mesmas. “O modelo actual de luminarias que hai instalado na Praza da Constitución está obsoleto e iso provoca que en caso de avaría sexa moi complexo atopar pezas para arranxalas”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

En consecuencia, instalaranse 12 novos farois con tecnoloxía LED na zona central da Praza da Constitución. “O que nos permitirá incrementar o nivel de iluminación desta zona e conseguir un aforro enerxético de arredor do 40%”, apuntou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

Ademais, esta primeira fase de cambio complementarase cunha segunda, no futuro, na que se substituirán as 24 luminarias restantes na contorna da Praza da Constitución.

“Esta actuación suporá unha inversión de 16.000 euros con cargo ás arcas municipais e permitirá reducir o gasto enerxético, sumándose a outras actuacións nesta liña como o cambio a luminarias LED no pavillón do CEIP Mato Vizoso, no pavillón do CEIP Insua Bermúdez ou a futura substitución total da iluminación interior da Casa do Concello por tecnoloxía LED”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.