O contrato, cun orzamento base de licitación de 120.323 euros, contempla a compra dun tractor 4×4, unha trituradora multifunción, unha plataforma elevadora, un tractor corta céspede e unha biotrituradora
O Concello mantén aberto ata o próximo 2 de setembro o proceso de licitación dun contrato para a adquisición dun lote de maquinaria agrícola cun orzamento base de licitación do contrato de 120.323 euros.
En concreto, o contrato contempla a compra dun tractor tipo 4×4 usado, que servirá como soporte mecánico para unha trituradora multifunción nova, así como para outros apeiros que se poidan acoplar ao mesmo. Pola súa banda, a trituradora multifunción permitirá empregar o vehículo para traballos de limpeza de maleza e herbas cun ancho de traballo mínimo de 1,40 metros.
Ademais, o prego de prescricións técnicas do contrato tamén inclúe o subministro dunha plataforma elevadora usada cunha altura sobre o chan dun mínimo de 35 centímetros, un tractor corta céspede novo e unha biotrituradora nova.
Un lote total que ascende a un orzamento de máis de 120.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e que «complementa a inversión que fixo recentemente o Concello contratando unha brigada de 7 xardineiros para o mantemento dos nosos espazos verdes, tamén con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental», explicou a rexedora, Marta Rouco.
Pola súa banda, a alcaldesa tamén salientou «a importancia de adquirir esta maquinaria e que os traballadores municipais dispoñan da mesma para que poidan realizar con maior facilidade e de forma máis eficaz algúns traballos que actualmente están externalizados».