As obras, cun orzamento de máis de 54.000 euros, suporán un importante aforro enerxético, económico e medioambiental
O Concello mantén aberto o proceso de licitación do proxecto de aforro e eficiencia enerxética dos vestiarios do pavillón deportivo municipal localizado na Rúa Cuart de Poblet e empregado, fundamentalmente, polo alumnado do CEIP Insua Bermúdez.
Será ata o vindeiro 29 de agosto cando as empresa poidan presentar as súas ofertas para unhas actuacións cun orzamento de 54.543,56 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
En concreto, os traballos centraranse na colocación dunha nova chapa sándwich na cuberta, a colocación de carpintería metálica exterior de PVC e a limpeza e reparación da fachada mediante o selado de gretas, a reparación de descolchóns e o pintado exterior e interior con pintura impermeabilizable.
«Un proxecto importante co que se pretende dotar de maior confort e comodidade aos usuarios desta instalación deportiva, sendo estes fundamentalmente os alumnos e alumnas do CEIP Insua Bermúdez», explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Ademais, as actuacións terán un obxectivo principal: o aforro e a eficiencia enerxética, polo que incluirán a substitución dos 2 termos de auga quente actuais por unha bomba de calor que emprega a aerotermia tanto para a calefacción como para a dotación de auga quente sanitaria.
Nesa liña, a rexedora, Marta Rouco, explicou que se trata «dunhas obras baseadas na sostibilidade, o que repercute nun importante aforro enerxético e medioambiental para o noso Concello, pero tamén nun destacable aforro económico para as arcas municipais».
Finalmente Rouco salientou «a celeridade coa que se sacou adiante este proxecto, recentemente aprobado no último pleno ordinario da corporación e que terá un prazo de execución de entre 2 e 4 meses, polo que está previsto ver rematadas as obras para comezos do ano que vén».