O CONCELLO RENOVA E MELLORA O VIAL DE ACCESO AOS BARRIOS DE FABÁS E GRADUÍN NA PARROQUIA DE GOIRIZ

O Vicealcalde e responsable de Infraestruturas Rurais, Modesto Renda, informou hoxe do remate das obras de renovación e mellora do vial que lle da acceso aos barrios de Fabás e Graduín, na parroquia de Goiriz.

Os traballos, financiados con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Rurais, realizáronse ao longo desta semana e obxecto dos mesmos foi a limpeza de cunetas, o reforzo da base de firme, a pavimentación mediante dobre rega asfáltica e a colocación de sinalización vertical.

Renda, que contrastou a actuación coa veciñanza de ámbolos dous barrios, volveu facer fincapé na necesidade de dar cumprida resposta ás demandas das parroquias como obxectivo irrenunciable do Goberno Municipal.