A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e Ignacio Criado, concelleiro de Medio Ambiente e Rural, estiveron hoxe cos alumnos.
O Concello de Vilalba reforza a súa aposta por impulsar a inserción laboral dos seus veciños e veciñas con diferentes actividades formativas e prácticas laborais.
Desde esta semana, Vilaba, en colaboración con Abadín, acolle o obradoiro de emprego ‘Terra Cha no Camiño II’, querematará en xullo de 2022 coa participación de 20 alumnos.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e Ignacio Criado, concelleiro de Medio Ambiente e Rural, estiveron hoxe cos alumnos do obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego da Xunta.
No caso de Vilalba, haberá seis alumnos formándose en ‘Operacións auxiliares de gravación e tratamento de datos e documentos’, seguindo co proxecto de ‘Organización e dixitalización do arquivo municipal de Vilalba’; e oito alumnos en ‘Pavimentos e albanelaría de urbanización’, desenvolvendo a súa formación co proxecto humanización da travesia Coronel Peña no casco urbano de Vilalba.
Trátase dun programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas para a obtención de cualificacións profesionais, ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública e interese social.
“Con este tipo de obradoiros melloramos a empregabilidade dos participantes, que obteñen a cualificación necesaria para optar a postos de traballo; aínda que os concellos non temos competencias directas en materia de emprego, temos que facer todo o posible para axudar á nosa veciñanza”, afirma Elba Veleiro.