O CONCELLO RECUPERARÁ 162.000 EUROS DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL LOGO DE QUE A XUSTIZA ESTIMARA A DEMANDA PRESENTADA CONTRA A XUNTA DE GALICIA

A Sala do contencioso-administrativo recoñece a obriga da Xunta de Galicia a abonar ao Concello a cantidade que lle correspondía das obras de renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes do ano 2020

O Concello recuperará os 162.000 euros que lle correspondían do Fondo de Compensación Ambiental do ano 2020 logo do fallo favorable do Tribunal Superior de Xustiza ao recurso contencioso-administrativo presentado polo goberno local.

Dito importe, que a Xunta de Galicia tería que ter aboado fai case 4 anos ao Concello, corresponde ás obras de renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes.

“A Xunta de Galicia negoulle ao Concello o cobro da subvención, unha situación completamente inxusta e contra a que decidimos actuar pola vía xudicial”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, ao que engadiu que “o desprezo da administración autonómica cara Vilalba chega ao punto de negarnos diñeiro que nos corresponde e que nos fora concedido nunha subvención”.

En consecuencia, o Concello executou as obras e “evidentemente tivemos que pagalas; ante esta situación tivemos que facelo con diñeiro das arcas municipais porque a Xunta de Galicia se negou a abonarnos a parte que lle correspondía” salientou Rouco. 

Agora, a sala do contencioso-administrativo recoñece a obriga da Xunta de Galicia a abonar ao Concello os 162.795,24 euros correspondentes á parte da obra de renovación da rede municipal de abastecemento de auga executada e xustificada no prazo establecido, así como ao pago dos intereses que correspondan.

“Estamos satisfeitos porque recuperamos o que era dos vilalbeses e vilalbesas, un diñeiro público que nos correspondía e que a Xunta de Galicia pretendía negarnos”, concluíu a rexedora, Marta Rouco, ao que engadiu que “non debemos esquecernos que neste caso, as subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndennos por ser un municipio no que hai instalados xeradores eólicos”.