O CONCELLO PROMOVE UN CONVENIO COA AXENCIA DE PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA QUE PODERÍA REPORTAR ATA 30.000€ AO ANO ÁS ARCAS MUNICIPAIS

O Pleno de Vilalba ratificou onte a proposta do Vicealcalde e responsable de Urbanismo, Modesto Renda, relativa á adhesión do Concello ao convenio interadministrativo coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), en virtude da cal o Concello de Vilalba delega as súas competencias en materia de inspección, supervisión, sanción e reposición da legalidade urbanística.

Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ata o 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que esta impoña o que, se atendemos ao número de expedientes deste tipo que pasan polo departamento de urbanismo, podería supoñer un ingreso para o Concello de ata 30.000€ anuais.

Tal e como explicou Renda, a adhesión a esta entidade permitiralle ao Concello de Vilalba contar con «máis recursos económicos de cara a un mellor financiamento dos servizos públicos e os investimentos, ao tempo que se axiliza a tramitación no departamento de urbanismo e se reducen os tempos de espera dos veciños/as no que ten que ver coa resolución dos seus expedientes e solicitudes.»

Está circunstancia será posible ao descargarse gran parte do traballo na APLU, sobre todo os expedientes relativos ás obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunha das seguintes clases de solo:

– Solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías (artigos 31 e seguintes da LSG e disposición transitoria primeira da LSG).

– Solo urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento (artigo 27 e disposición transitoria primeira da LSG).

– Núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal (artigo 23 e disposición transitoria primeira da LSG).

A este respecto, o Vicealcalde declarou que os resultados amosan que a actuación conxunta entre a Xunta e os concellos “é sinónimo de éxito» e lembrou que nos Concellos adheridos «baixou o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación».