O CONCELLO PRESENTA UNHA NOVA EDICIÓN DA FEIRA DE OPORTUNIDADES DO COMERCIO LOCAL

Con máis de 15 establecementos participantes, celebrarase o sábado 13 e o domingo 14 de abril, coincidindo na primeira xornada co I Trofeo Roscón de Vilalba de Billarda

A Praza da Constitución volverá encherse de vida esta fin de semana cunha nova edición da Feira de Oportunidades do comercio local, que se celebrará o sábado 13 e o domingo 14 de abril.

A cita congregará a varios comercios, tanto da vila como de concellos limítrofes, que expoñerán as súas oportunidades de tal forma que os visitantes poderán atopar importantes ofertas e descontos entre os produtos. «É unha oportunidade perfecta para visitar a nosa vila e aproveitar para coñecer o noso comercio local, a súa variedade de produtos e beneficiarse de amplas ofertas», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

A rexedora tamén quixo salientar «a importancia desta cita para o comercio local, con quen temos un compromiso férreo, polo que Vilalba non podía quedar sen celebrar a súa xa consolidada Feira de Oportunidades».

Ademais dos postos de venta, haberá inchables para os nenos e nenas e un sorteo cun premio dunha fin de semana para dúas persoas nun cofre VIP. Pola súa banda, o domingo ás 20.30 horas tamén se sortearán 16 vales de compra de 20 euros para gastar nas tendas participantes, que son Anduriña’s, As Nubes Moda, Belén Roupa, Calzados Noval, Cárber Moda, Grupo MEF, Luis Castro, MAYMAR, Mercería Mercedes, O Gato con Botas, Ratón Pérez Moda Infantil, Rematexpress, Retoños, Texas Moda, Wolf Design, Zafiro Tours Vilalba e Zocos.

PRIMEIRO TORNEO DE BILLARDA

A xornada do sábado, a feira compartirá protagonismo co I Trofeo Roscón de Vilalba de Billarda que se celebrará a partir das 16:00 horas no Campo da Feira e que organiza o Concello de Vilalba en colaboración coa Liga Nacional de Billarda e a ACD O Varal.

Será o primeiro torneo aberto de billarda que ademais renderá homenaxe a un produto gastronómico típico do municipio vilalbés, o Roscón de Vilalba, co obxectivo de «promocionalo para frear a súa perda progresiva, porque é un doce espectacular con moita tradición no noso municipio, á vez que se busca recuperar os xogos tradicionais», sinalou a concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, Maria Xosé Fernández.