O Concello de Vilalba ten listo un proxecto de recuperación do Camiño de Santiago desde o polígono industrial a Ponte Rodríguez, o cal implica o seu paso por todo o núcleo urbano de Vilalba.
Trátase dun proxecto de recuperación “innovador, sostible e respectuoso coa contorna natural, consolidando o trazado e protexendo ao peregrino”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Vilalba. O concello solicitou para acometer a actuación unha subvención de 1,5 millóns de euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Esta achega permitiría afrontar o 100% do investimento necesario na actuación, que convertiría a Vilalba na referencia do Camiño do Norte. Para a realización do proxecto e a solicitude da subvención, foi fundamental que o concello tivese un Plan de Mobilidade e forme parte do Paces (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible).
O proxecto divídise en seis tramos, que son o polígono industrial; a zona de Campo Redondo; o casco histórico de Vilalba; o Camiño dos Pasos; a zona da Depuradora; o vial que leva á carballeira de Mourence, e un último tramo ata Ponte Rodríguez.
Este ambicioso proxecto propón a posta en valor do trazado do Camiño e a súa conexión harmoniosa coas zonas rurais e o casco urbano de Vilalba, configurando un cinturón verde sempre co obxectivo de preservar a protección do peregrino, que teña o seu espazo.
Para a realización desta actuación, contemplanse só materiais naturais, de tipo pétreo, granito, zahorras e finos da zona, así como unha variada vexetación, que tamén será autóctona, con abundante arborado e xardíns verticais, zonas e mobiliario de descanso, sendas, etcétera.
No tramo urbano, a única intervención será no casco histórico, na confluencia das rúas Ferrería, Concepción Arenal e Mato Vizoso, igualando o pavimento da rúa Concepción Arenal e a Travesía de San Xoán para facilitar a circulación aos peregrinos.
Aproveitando esta actuación, modifícase o resto da rúa Mato Vizoso, cunha plataforma única con acabado de adoquín de granito. Por último, a conexión da Travesía de San Xoan coa travesía do Matadoiro execútase como un gran paso peonil, en adoquín de granito ata a antiga sede de Protección Civil. Esta edificación derribarase para recuperar os elementos históricos presentes, como o lavadoiro, a fonte e os muros de pedra tradicional.
O proxecto de recuperación do Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba inclúe a restauración da Ponte Rodríguez, así como un novo acabado para a ponte sobre o río Magdalena.
“A innovación do proxecto é a recuperación e posta en valor do Camiño, favorecendo a súa limpeza e consolidando o seu trazado, cun uso coherente de materiales tradicionais e pavimentos sostibles, dándolle protección ao peregrino naquelas zonas de maior tráfico”, engade Fernández.