A campaña propón accións tanto no eido turístico como no comercial, con diferentes iniciativas que se realizarán nas vindeiras semanas
O Concello de Vilalba presentou unha campaña de promoción do comercio local e o turismo, nun acto que contou coa presenza da concelleira de Comercio, Marta Rouco, e da edil de Turismo, Antía Rama. A campaña propón accións tanto no eido turístico como no comercial, con diferentes iniciativas que se realizarán nas vindeiras semanas.
Respecto ao comercio, o goberno local realizará tres accións baixo o lema “Mercando en Vilalba”. Dunha banda, colocaranse vallas publicitarias nas zonas de entrada á vila, co obxectivo de dar visibilidade ao comercio local.
Ademais, repartiranse nos comercios do municipio os materiais da campaña en forma de globos, cos que decorar e fomentar as ventas. Por último, o Concello de Vilalba impulsou a realización dun vídeo con nenos e nenas da vila animando á cidadanía a mercar no comercio local.
“O comercio é esencial para Vilalba, xa que impulsa a nosa economía, garantindo postos de traballo e ofrecendo produtos de calidade á cidadanía. Por iso, no Concello de Vilalba sabemos que é un sector clave a potenciar”, afirma Marta Rouco, edil de Comercio.
No canto do turismo, o Concello de Vilalba lanza a web turismovilalba.es, unha ferramenta imprescindible para fomentar o turismo e o comercio local. Na web, os visitantes poden atopar información sobre o municipio, como por exemplo, restaurantes, aloxamentos, puntos de interese ou eventos.
“Debemos aproveitar esta edición do Xacobeo para continuar impulsando Vilalba como punto de partida ruta compostelá, que nos permite atraer turismo nacional e internacional”, afirma Antía Rama, responsable de Turismo.
Ademais, co obxectivo de ser unha estratexia transversal, esta nova web de turismo conta cun directorio de comercio local. Nel, recóllense diferentes establecementos agrupados en función do seu sector de actividade.
A páxina web pretende ser unha ferramenta constantemente actualizada e renovada, polo que o Concello de Vilalba xa prepara máis datos turísticos e roteiros polo municipio para engadir á información actual. Ademais, nas vindeiras semanas, o goberno local impulsará unha iniciativa para coñecer mellor este espazo dixital, co obxectivo de contar coa participación cidadá.
“A nosa gastronomía, da que son exemplo produtos como o capón ou o queixo de San Simón, e a nosa contorna patrimonial e natural envexables conxúganse nesta web para impulsar un sector que sufriu por desgraza as consecuencias da pandemia”, engade a edil de Turismo.