O CONCELLO INSTALARÁ UNHA NOVA ÁREA DE SERVIZO PARA AUTOCARAVANAS NA ÁREA RECREATIVA DA MADALENA

O cambio de localización responde á solicitude feita pola Asociación Galega de Autocaravanas á vez que permite trasladar o espazo a un enclave natural único e idóneo para o turismo sobre rodas

O Concello vén de anunciar unha nova obra que realizará a Concellería de Infraestruturas Urbanas para instalar a nova área de servizo para autocaravanas na área recreativa da Madalena.

Un cambio de localización “que dá resposta á petición que nos fixeron chegar dende a Asociación Galega de Autocaravanas para dotar de máis espazo a esta área e, á súa vez, situala nun enclave natural único e idóneo para os turistas que visitan a nosa vila en autocaravana”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

As actuacións, cun orzamento estimado de 34.707 euros, pretenden ampliar a oferta turística da localidade e estarán centradas na adecuación dun aparcamento para autocaravanas con capacidade para sete prazas que ofrecerá un servizo para a recarga de auga potable e a posibilidade de vertido de augas grises e negras.

Así, a área de autocaravanas deixará de estar localizada no campo da feira, onde se instalará nas vindeiras datas unha innovadora pista mulitocio, e pasará a estar integrada na área recreativa da Madalena, concretamente na explanada de aparcamento xunto á piscina municipal climatizada.

A área para uso exclusivo de autocaravanas contará cunha superficie construída de 504 metros cadrados na que se instalará unha plataforma e sumidoiro para augas grises, unha arqueta de baleirado de WC náutico, un sumidoiro para augas negras, un grifo para limpeza e outro para auga potable, un borne eléctrico con diversas tomas de corrente, papeleiras, e catro colectores para a correcta separación e reciclaxe dos residuos (materia orgánica, plástico, vidro e papel).

“Unha inversión con cargo integramente ás arcas municipais que poderá converterse nun verdadeiro atractivo turístico para os viaxeiros e viaxeiras que chegan a Vilalba en autocaravana, sendo estes cada vez un número maior”, salientou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco asegurou que “a Asociación Galega de Autocaravanas, ademais de facernos chegar esta petición, tamén amosou recentemente o seu interese neste cambio de localización que prevemos inaugurar cunha concentración de caravanistas na nosa vila”.