O CONCELLO FINALIZA OS TRABALLOS DE APERTURA E LIMPEZA DE CUNETAS EN TRES PISTAS DA PARROQUIA DE CORBELLE

Trátase dunha actuación levada a cabo polo equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo sobre unha extensión aproximada de 2 quilómetros de viais

A alcaldesa de Vilalba, Marta, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, achegaronse ata a parroquia de Corbelle para comprobar o resultado das actuacións levadas a cabo polo equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo.

En concreto, as actuacións centráronse na apertura e limpeza de cunetas de tres viais de titularidade municipal, cunha extensión total aproximada de dous quilómetros. A primeiro delas, a pista que une o barrio de Bouzas co do Maciñeiro, seguida pola pista que conecta os barrios de Maciñeiro e Viladónega e finalmente o vial que une Viladónega con Martiñán. Todos eles pertencentes á parroquia de Corbelle.

A rexedora, Marta Rouco, que contrastou coa veciñanza os resultados das actuacións, sinalou que se trata «de traballos moi importantes para o mantemento dos viais municipais, pois son fundamentais para que durante o inverno as cunetas soporten o caudal de auga e esta non arrastre o firme das estradas».

Ademais, a alcaldesa adiantou que «o equipo de terra desprazarase a comezos da vindeira semana a unha nova parroquia vilalbesa na que levará a cabo as actuacións oportunas para mellorar as condicións dos viais rurais e, sobre todo, o estado de mantemento dos mesmos».

Pola súa banda, o equipo de rexeneración do firme atópase actualmente rematando os seus traballos na parroquia de Goiriz, polo que proximamente se desprazará a outra parroquia vilalbesa na que continuará coas súas actuacións.