O Concello finalizou as obras de reposición da cuberta do almacén do Estasdio Municipal da Madalena. Ditas actuacións están incluídas no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e a inversión superou os 30.000 euros. Pois, os traballos completaranse coa construción dun novo espazo para o acceso do público.
En primeiro lugar, procedeuse á retirada dos elementos de cubrición actuais dun dos almacéns do Estadio Municipal da Madalena, para posteriormente repoñer a cuberta con panel sándwich, de tal forma que se melloraron as condicións de hixiene e salubridade das instalacións.
Así, o que ata agora era un almacén pasará a converterse nunha nova zona de uso deportivo que os clubs poderán empregar como ximnasio para que os xogadores e o equipo técnico desenvolvan os seus adestramentos físicos.
«Estas actuacións concretamente veñen derivadas das necesidades demandadas polo Rácing Club Vilalbés, co obxectivo de acondicionar as instalacións ás esixencias técnicas e deportivas do club, para que poida adestrar e xogar coas máximas comodidades, así como recibir ao seu público de forma oportuna», explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Nesa liña, as obras completaranse cunha reforma prevista na zona de acceso do público, onde se retirará a estrutura provisional existente para construír un novo espazo con base de formigón que servirá como taquilla de venta de entradas, e polo tanto, estará debidamente acondicionada para tal efecto.