A empresa vallisoletana patrocinará os días infantís das festas patronais, así como a Festa de Samaín e varias actividades da programación de Nadal, a través dun acordo logrado coa Alcaldía e a Concellería de Infancia e Xuventude
O Grupo Entrepinares e o Concello de Vilalba veñen de presentar un novo acordo de colaboración grazas ao cal, a empresa vallisoletana con sede en Vilalba, patrocinará as actividades dos Días Infantís das festas de San Ramón e Santa María, así como diversas actividades lúdicas e recreativas que se enmarcarán na programación de Samaín e de Nadal.
A Casa da Cultura foi o epicentro da presentación na que interviñeron a alcaldesa, Marta Rouco, a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, o Conselleiro delegado de Entrepinares, Jose Manuel García Bejines e o director da fábrica en Vilalba, Javier Gato.
Con esta colaboración, en primeiro lugar, o Grupo Entrepinares custeará as actividades dos días infantís das festas patronais, que se celebrarán os vindeiros 3 e 4 de setembro e entre as que se inclúen diversos tipos de inchables, un toro mecánico, actividades de simulación e unha xornada con actividades acuáticas que rematará cunha festa de espuma.
Ademais, durante ámbalas dúas xornadas, Entrepinares aportará o seu novo lanzamento, un snaking de queixo destinado principalmente ao consumo infantil e que se fabrica integramente na nosa localidade.
En canto ás claves do acordo, a rexedora, Marta Rouco salientou «a variedade de actividades que patrocinará Entrepinares grazas a este acordo de colaboración, que nos permitirá ofrecer opcións para todos os gustos e centradas no desfrute dos nenos e nenas».
Pola súa banda, o acordo tamén inclúe o patrocinio da Festa Infantil de Samaín, que terá lugar no remate do mes de outubro e incluirá o xa tradicional túnel do terror, un taller coa temática correspondente e diversos inchables infantís e xuvenís.
Finalmente, as derradeiras actividades enmarcadas nesta colaboración estarán vencelladas á programación de Nadal do Concello, sendo as patrocinadas por Grupo Entrepinares, diferentes actividades infantís con inchables, música e talleres de Nadal, así como a visita de Papá Noel, a quen se recibirá no municipio vilalbés co correspondente decorado, inchables, música e doces como flocos de millo e algodón de azucre.
Durante a súa intervención, a alcaldesa, Marta Rouco, aproveitou para «agradecer a Entrepinares, e especialmente ao persoal responsable da fábrica de Vilalba a súa colaboración e achega para que o Concello poida sacar adiante actividades coma estas» e «salientar a gran predisposición do Grupo Entrepinares para colaborar connosco e o seu interese en aportar o seu gran de area».
Pola súa banda, Jose Manuel García Bejines destacou a importancia que ten para o Grupo poder contribuír coas festas locais, tan significativas para esta comunidade. Entrepinares pretende “destacar pola calidade dos seus produtos e polo seu compromiso coas tradicións e celebracións que fortalecen os lazos sociais e culturais entre os veciños”. Segundo as súas palabras, “este acordo é unha mostra de agradecemento pola confianza e o apoio recibido ao longo destes anos, e reafirma a nosa vocación de ser unha empresa que contribúe activamente ao benestar da sociedade vilalbesa”.