As obras centraranse na reparación da cuberta do edificio para solventar as recorrentes filtracións de auga «que veñen arrastrándose dende fai moitos anos»
Na mañá de hoxe o presidente da Deputación, José Tomé, visitou a nosa casa da cultura acompañado pola alcaldesa, Marta Rouco, e os concelleiros Eduardo Vidal, Paula Vigo, Luis Fernández e Ignacio Criado.
Durante a visita, na que tamén estivo o arquitecto municipal, José Tomé puido comprobar o estado do interior do edificio, notablemente deteriorado polas recorrentes filtracións de auga debido ás deficiencias da cuberta.
Nesa liña, a administración provincial prevé asumir preto do 80% do investimento, recaendo no Concello o 20% restante para «solucionar dunha vez por todas os problemas de auga na Casa da Cultura, que veñen arrastrándose dende fai moitos anos», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.
Así mesmo, a alcaldesa agradeceu a colaboración e o compromiso da Deputación e explicou que «é unha obra moi necesaria, pois trátase dun edificio que acolle moitos servizos: a hemeroteca, a oficina de turismo, un salón de actos, unha sala de exposicións e mesmo serve como sede dalgunha asociación local».
O edificio, construído en 1986 sobre unha antiga cárcere, ten unha superficie de 777m2 e acusa a falta de mantemento, con diferentes danos por filtracións de auga en lucernarios e cubertas. As actuacións previstas no proxecto de mellora son: a instalación dunha nova cuberta de zinc, substitución de baixantes, canlóns e os lucernarios existentes de policarbonato por uns de vidro. Tamén se mellorará parte do alumeado e do saneamento, actuacións na recollida de lixo e os acabados cun illamento térmico baixo cuberta.