O CONCELLO DE VILALBA REPARTE TRES MÁSCARAS A CADA UN DOS 740 ALUMNOS E ALUMNAS DOS INSTITUTOS DO MUNICIPIO E CRITICA A NEGATIVA DA XUNTA A ASUMIR ESE CUSTO

O Concello de Vilalba repartiu esta mañá máscaras nos institutos do municipio, unha medida máis de protección contra a Covid levada a cabo pola negativa da Xunta de Galicia a asumir ese custo.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira de Educación, Antía Rama, encargáronse de repartir as máscaras para cada un dos 740 alumnos e alumnas de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional dos dous centros do concello, o IES Santiago Basanta Silva e o IES Lois Peña Novo.
Os equipos directivos recibiron a entrega do concello para que cada estudante dispoña de tres máscaras de tela homologadas e reutilizables ata 20 lavados, de tres cores distintas para facilitar a súa reposición e uso.
“Desde o concello temos que lamentar unha vez máis a inacción da Xunta de Galicia para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa, negándose a sufragar o reparto de material necesario para o correcto desenvolvemento das clases nos centros de ensino e obrigando aos concellos a actuar ante unha xestión a todas luces ineficiente”, afirmou Elba Veleiro.
A entrega de hoxe ao reparto da semana pasada de preto de 2.550 máscaras en 850 bolsas de tela nos cinco centros educativos de Infantil e Primaria do municipio.
“Faremos todo o posible para que o curso transcurra con nomalidade pero lamentamos o abandono por parte da Xunta, que non se fai cargo dos custos extra pola pandemia en desinfección e limpeza dos centros nin de repartir material de protección”, engade Antía Rama.