Con esta actuación, mellorarán de forma considerable as condicións lumínicas do barrio.
O Concello de Vilalba da continuidade ao seu plan integral de renovación do alumeado público en todo o municipio coa instalación de luminarias con tecnoloxía LED no barrio de Corvite.
En concreto, substituirá 23 luminarias de sodio de 70w por novos puntos de luz con LED de 30w. O aforro enerxético será do 80%, rebaixando ademais de forma considerable a contaminación lumínica e as emisións de CO2.
O concello cambiará ademais sete apoios de formigón que se atopaban en mal estado e non cumprían coa normativa vixente, así como o cableado de alimentación das luminarias, cun total de 1.980 metros de cable conductor, os amarres e as caixas de conexión.
Con esta actuación, mellorarán de forma considerable as condicións lumínicas do barrio, así como a seguridade das instalacións.
“Levamos dous anos traballando na renovación do alumeado municipal, tanto no centro como nas parroquias, apostando pola tecnoloxía LED para cumprir todas as recomendacións da UE e dar un mellor servizo aos veciños”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.