O CONCELLO DE VILALBA RECIBE A PAPÁ NOEL O DOMINGO 24

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, convida á veciñanza de todas as idades a recibir a visita de Papá Noel á vila, que terá lugar na praza da Constitución este domingo, 24 de decembro.

“Animo a todas as familias vilalbesas a acudir á praza da Constitución como preparación da Noiteboa, onde poderán desfrutar tamén da pista de xeo, dos obradoiros e duns deliciosos flocos de millo e algodón de azucre”, sinala a alcaldesa.

A recepción terá lugar de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, de xeito paralelo ás demais actividades que se están a desenvolver na praza e como parte da programación infantil e xuvenil de Nadal en Vilalba. A pista de xeo estará operativa dende este sábado 23 de decembro.

Esta programación comezou coa entrega de premios do Concurso de Postais, e tamén está a incluír varios obradoiros e actividades didácticas arredor da Feira do Capón, que se celebrará mañá, xoves 21 de decembro.

A programación inclúe así mesmo a obra de teatro ‘Blancanieves de la Chana’ o 26 de decembro e a proxección de dúas películas. Haberá tamén espazo para o deporte coa Carreira San Silvestre do 31 de decembro, e dúas actividades con láser TAG e realidade virtual os días 27 e 29 de decembro.

Os días 28 de decembro e 2 de xaneiro haberá festa infantil, e o 5 de xaneiro os Reis Magos chegarán a Vilalba, visitando as parroquias antes da tradicional cabalgata.