O certame consistirá en crear unha receita na que o principal ingrediente sexa o queixo de San Simón
O Concello de Vilalba, a través da súa concellería de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados e Turismo, convoca a segunda edición do “Concurso de receitas do Queixo de San Simón Da Costa” co obxectivo de promocionar un dos produtos emblema na gastronomía de Vilalba.
O concurso consta de dúas modalidades de participación amateur, dirixida a persoas afeccionadas, e profesional, que engloba a persoas que se dedican á hostalaría. Poderán participar neste concurso calquera persoa que desexe, sen ningún límite de idade.
O certame consistirá en crear unha receita na que o principal ingrediente sexa o queixo de San Simón. As receitas deberán ademais estar redactadas en lingua galega.
Cada participante poderá presentar unha única receita dun petisco (tapa) podendo ser doce ou salgada. Os participantes garantirán que as receitas que presentan a concurso son orixinais e que non vulneran dereitos de terceiros.
No traballo entregado incluirase o nome ou título da receita, os ingredientes coas súas respectivas cantidades, os pasos a seguir na elaboración e a fotografía do prato elaborado. Estes documentos, xunto co formulario de inscrición, deberán entregarse a través da sede electrónica do Concello de Vilalba ou no rexistro presencial en horario de 9:00 a 14:00. O prazo para enviar as receitas está aberto ata o próximo 27 de marzo ás 23:59.
Os criterios a valorar polo xurado serán a presentación do prato, a dificultade da receita, a orixinalidade, a técnica e a explicación da receita.
As receitas gañadoras en cada modalidade, amateur e profesional, recibirán unha cesta de produtos galegos valoradas en 100 euros. Ademais, todas as persoas que presenten unha receita estarán incluídas no receitario promocional do queixo de San Simón da Costa 2023.