O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA ESTE SÁBADO O LIBRO RECOMPILACIÓN DOS TEXTOS PREMIADOS NO CERTAME DE MICRORRELATOS

O Concello de Vilalba informa da presentación este sábado, 24 de setembro, dun novo volume de microrrelatos, que inclúe os textos premiados na III e IV edicións do Certame de Microrrelatos do Día do Libro. Dito concurso está organizado polo Concello de Vilalba e Culturalia GZ, en colaboración coa editorial Alvarellos.

En total, presentaranse 17 composicións, que pertencen as tres categorías contempladas no certame, infantil, xuvenil e persoas adultas, e que foran premiadas nas edicións de 2020 e 2021 do citado concurso.

A tenente de alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta Rouco, asistirá ao evento xunto a outros membros do grupo de Goberno. Tamén estarán presentes Martiño Maseda, de Culturalia GZ, e Henrique Alvarellos, da editorial Alvarellos.

Os microrrelatos premiados, fieis ao seu xénero literario, desenvolven, en moi poucas liñas, toda unha trama, caracterizada pola súa brevidade e intensidade.

Este supón o segundo volume publicado deste Certame, despois do editado en 2020, que recollía os relatos gañadores das dúas primeiras edicións. Dende a organización destacan a consolidación do premio, apoiado pola edición destes dous volumes.