O CONCELLO DE VILALBA PRESENTA A NOVA EDICIÓN DO “TECENDO REDES” CON MANDALAS DE GANCHILLO ELABORADAS POR UN CENTENAR DE MULLERES

Esta tarde, o Concello de Vilalba presentou a segunda edición do “Tecendo Redes 2022”, un proxecto para elaborar un toldo feito a ganchillo que decora a Praza Suso Gayoso e parte da rúa Alférez López.

Na iniciativa involucráronse case 100 mulleres, incluíndo a 5 nenos e nenas, procedentes de distintas parroquias de Vilalba e do seu casco urbano, ademais das asociacións de Nete e Insua.

Hoxe, acudiron á presentación a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e varios membros do goberno local, acompañando a parte das mulleres que participaron. O Concello obsequiou cun detalle ás participantes no proxecto, felicitándoas polo seu esforzo.

A iniciativa comezou en 2021, cunha proposta a distintas asociacións de Vilalba, á que se sumaron participantes de todo o municipio. Grazas ao éxito do 2021, a iniciativa gañou visibilidade, polo que este ano incrementáronse as participantes.

“Supón unha gran promoción para Vilalba, grazas a un traballo feito coas mans das súas mulleres. Dende que comezamos a colocar a decoración, tanto a veciñanza como os turistas xa estaban a facer fotografías eloxiando o proxecto”, sinala Elba Veleiro.

Dende o Concello de Vilalba subliñan que esta actividade permite involucrar á cidadanía en adornar a vila nas semanas previas ao início das festas patronais. Ademais, dado que o tecido realízase en inverno, supón unha alternativa de ocio nesa época (promovéronse cursos de ganchillo desde o tecido asociativo) que se suma ao orgullo do traballo realizado.

O Concello de Vilalba aportou o material, fío e aros, para tecer a decoración situada agora no centro da vila, no inicio das Festas Patronais de San Ramón e Santa María. En total, máis de 1.500 aros decoran a vila, superando o número do ano pasado.

“É unha iniciativa que gaña cada ano en espectacularidade e beleza grazas á implicación da xente. Pensamos xa na edición de 2023 para seguir tecendo redes nas nosas rúas e entre a nosa cidadanía”, engade a rexedora.

“Tecendo Redes” foi o nome escollido para o proxecto, en alusión ao ganchillo, á unidade das mulleres e á súa imparable forza.