O CONCELLO DE VILALBA PON EN MARCHA XA DE FORMA ORDINARIA O LUNS, DÍA 1 DE AGOSTO, A ZONA AZUL EN VARIAS RÚAS DO CENTRO

O Concello de Vilalba pon en marcha xa de forma ordinaria este luns, día 1 de agosto, a zona azul en determinadas rúas do casco urbano, unha medida destinada a dinamizar o estacionamento e o fluxo de vehículos e persoas.

Durante o mes de xullo realizouse unha proba piloto con resultados satisfactorios. A zona azul aplícase na rúa da Pravia; rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez; rúa Campo da Ponte ata Domingo Goás, e na rúa José María Chao Ledo ata a intersección coa rúa Guitiriz.

O horario da zona azul é de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos.

Tamén se regula o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a venres de 09:00 a 19:00 horas e os sábados de 09:00 a 14:00 horas, de xeito que os vehículos só poden estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos. Non se implementa esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira.

Para facilitar o bo funcionamento do servizo, o concello repartiu xa 10.000 reloxos para que os condutores e as condutoras indiquen a hora de chegada á praza de estacionamento (imaxe adxunta). Os reloxos están a disposición das persoas interesadas nas dependencias do concello.

O obxectivo desta zona azul é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras.

O concello agradece a colaboración dos veciños e veciñas, xa que a medida ten o único obxectivo de dinamizar as rúas máis céntricas e axudar aos negocios e establecementos de hostalería locais.