O Concello de Vilalba deu comezo hoxe ás obras de renovación e mellora do alumeado na parroquia de Sanxurxo, concretamente no barrio de Campelas. Os traballos, que continuarán proximamente na parroquia de Santaballa, permitirán instalar un novo alumeado con menor consumo enerxético e un importante aforro económico.
Os proxectos destas obras están financiados por unha subvención do “Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía” (IDAE), organismo adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica. O Concello de Vilalba solicitou as subvencións para os proxectos nestas dúas zonas xa que o resto de áreas do municipio non cumpren cos requisitos da subvención.
As obras permitirán a renovación dun total de 66 luminarias, cun orzamento de 78.243 euros, dos que o Concello de Vilalba aporta 15.000 euros xa que o resto do importe o subvenciona o IDAE.
As novas luminarias, con tecnoloxía LED, permitirán un aforro dun 68% do consumo, aproximadamente. A instalación anual consumía 21.344 kW anuais, mentres que as novas luminarias só empregarán 6.643 kW.
Os traballos permitirán renovar o cadro eléctrico, ademais de colocar luminarias de última xeración cuxa instalación é moi novidosa no medio rural. Por último, estas luminarias permitirán acadar a calificación enerxética A, a mellor distincion deste tipo.
Este proxecto supón a terceira subvención concedida polo IDAE ao Concello de Vilalba. En total, con estes proxectos o goberno local logrou un investimento no municipio de máis de 700.000 euros, dos que o Concello aportou menos de 90.000 euros grazas ao importe subvencionado. Ademais, as obras de renovación do alumeado permitirán reducir en 25.000 euros anuais o consumo enerxético municipal.
“Converter Vilalba nun municipio eficiente enerxeticamente é unha das nosas prioridades. Por iso impulsamos este tipo de obras, para as que son indispensables as subvencións, que nos permiten un gran aforro no consumo, coa diminución implícita do gasto económico”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.
Dende o Concello de Vilalba destacan ademais a colaboración da veciñanza no proxecto a través do pedáneo Jesús Rouco, quen apoiou a iniciativa. O goberno local espera implementar estas obras noutras zonas, unha vez cumpran cos requisitos para este tipo de subvencións.