O CONCELLO DE VILALBA ESIXE Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN QUE “RECAPACITE E MANTEÑA AS ENSINANZAS DE ADULTOS NO IES PEÑA NOVO”

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, quere facer público o seu apoio ao claustro do IES Peña Novo, ante a notificación por parte da Consellería de Educación da Xunta da súa intención de pechar as ensinanzas de adultos do centro.

“Non ten explicación a proposta da Xunta, cando moitos alumnos e alumnas xa peparaban a súa matrícula para o próximo curso”, asegura Veleiro.

As ensinanzas que se verían afectadas son a Educación Secundaria de Adultos (ESA) e o Bacharelato Semipresencial de Adultos.

Ademais, a comunidade educativa do centro advirte que a perda do profesorado levaría a ter que suprimir outras ensinanzas como o Galego e Castelán para inmigrantes e o CUALE (permite obter o B1 de inglés).

“Estamos falando en total de máis de 80 alumnos que se verían afectados e terían que desprazarse a outros concellos para estudar”, advirte a alcaldesa.

“Non hai xustificación para unha medida deste tipo, polo que tomaremos as iniciativas necesarias para pedir un cambio de postura por parte da Xunta; o ensino público debe ser unha prioridade e moito máis cando hai demanda suficiente”, remata Veleiro.