O CONCELLO DE VILALBA DESTINA 33.000 EUROS A FOMENTAR A ACTIVIDADE DAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

Estas axudas concederanse por concorrencia competitiva, é dicir, valorarase a solicitude de cada unha das entidades solicitantes

O Concello de Vilalba anuncia a convocatoria das subvencións por concorrencia competitiva a entidades públicas ou privadas para fomentar unha actividade ou interese municipal. O goberno local destinará 33.000 euros a estas axudas, encadradas dentro do labor municipal de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro.

“O tecido asociativo realiza un importante esforzo de participación cidadá, complementando os servizos dos concellos. Por iso é esencial que dende o goberno local apoiemos a estas entidades, que contribúen a mellorar a nosa sociedade”, subliña Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

O Concello de Vilalba creou varias liñas desta subvención en función dos seguintes tipos de entidades: asociacións culturais, asociacións educativas, clubs ou asociacións deportivas, asociacións de mulleres, asociacións veciñais, asociacións que traballan con colectivos específicos e outras asociacións.

Para recibir esta axuda, as asociacións deben estar legalmente constituídas e carecer de fins lucrativos, ademais de estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e desenvolver a súa actividade en Vilalba.

Doutra banda, non poden ter pendentes de xustificación ningunha subvención nin poden ter concedidas no ano 2021 outras subvencións nominativas por parte do Concello de Vilalba. Tamén deben estar ao corrente das súas obrigas tributarias coas diferentes administracións públicas. Os gastos susceptibles de ser financiados con esta subvención deberán xustificarse antes do 15 de decembro de 2021.

Estas axudas concederanse por concorrencia competitiva, é dicir, valorarase a solicitude de cada unha das entidades solicitantes, concedendo puntos en función dos criterios recollidos nas bases desta convocatoria. Entre os criterios de puntuación están o fomento da lingua galega, a presenza de mulleres, as actividades realizadas na zona rural, entre outros.

As solicitudes presentaranse a través da Sede Electrónica do Concello de Vilalba, o prazo de solicitude rematará o próximo luns 15 de novembro de 2021.

Consulta aquí as bases completas recollidas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo de onte, 29 de outubro de 2021.