Desde o Goberno local piden respecto ás zonas de uso público e aos materiais do concello
O Concello de Vilalba fai unha denuncia pública ante os actos incívicos que se veñen de producir nalgúns dos materiais que se están a instalar con motivo do Nadal.
«Esta mañá puidemos comprobar como aparecían algúns destrozos nas casetas que formarán o poboado de Nadal», afirmou o concelleiro de Seguridade, Eduardo Vidal, «sendo inconcebible permitir comportamentos que botan por terra o traballo que se está facendo e motivan custos engadidos para as arcas públicas».
Tanto é así, que desde o consistorio incrementarán a vixilancia nestas datas e «non dubidaremos en tomar as medidas pertinentes con aquelas persoas que actúen de xeito incívico e provoquen danos no mobiliario público», sentenciou Vidal.
Desde a equipa de goberno manifestan que non é a primeira vez que aparecen destrozos ou mesmo roubos de materiais nalgunhas zonas de Vilalba, «actos que denunciamos inmediatamente ante as dependencias da Garda Civil», mais nesta ocasión «queremos facer público o noso malestar, e chamar a atención sobre comportamentos que ata pretenden boicotear unha iniciativa promovida para goce das familias e dos máis pequenos».
As consecuencias do acontecido obrigan ao concello a incrementar a seguridade e destinar máis fondos dos previstos nesta cuestión.