O CONCELLO DE VILALBA CONVOCA O ‘II CONCURSO DE MÚSICA LOCAL’ PARA POR EN VALOR O TALENTO E A CREATIVIDADE NO EIDO MUNICIPAL

O Concello de Vilalba, a través da concellería de Cultura, convoca a segunda edición do Concurso de Música Local, unha iniciativa que naceu o pasado ano co obxectivo de apoiar as propostas musicais no eido municipal, divulgando e dando a coñecer os seus traballos, así como premiando a creatividade e innovación das persoas e grupos participantes.

Na primeira edición celebrada o pasado ano os gañadores foron ‘Irmandades Do Falo’, con ‘Corredores de Sombras’ como segundos clasificados. A calidade de todas as propostas e o éxito de participación e de convocatoria na gran final deixou patente que a música segue a formar parte da vida cultural de Vilalba.

O concurso está aberto a todas as persoas que integran grupos de música, así como asociacións, dúos ou calquera outra proposta musical de Vilalba, consolidados ou de nova creación. Débese cumprir o requisito de que polo menos unha das persoas que formen parte do grupo deberá estar empadroada no concello.

Poderán participar tamén menores, sempre que no grupo/dúo ou similar figure como mínimo unha persoa maior de idade.

Pódese concursar con calquera xénero musical, con letra e música orixinais, ou, en todo caso, sen dereitos de autor sobre a mesma.

Non se aceptarán letras con mensaxes de odio ou ofensivas e as pezas terán unha duración máxima de 4 minutos.

Non poderán participar nesta segunda edición os galardoados na primeira na edición anterior se o fan coa mesma formación, pero si serán admitidos si integran outras.

Os interesados en participar deberán presentar a documentación pertinente e recollida nas bases no rexistro xeral de xeito presencial, ou a través da Sede Electrónica, ata as 23:59 horas do día 30 de xuño de 2023.

Os temas a interpretar deberán enviarse ao email cultura@vilalba.es en formato mp3 ou mp4 (audio ou vídeo), despois de presentar a solicitude e a documentación precisa e dentro do prazo establecido.

O xurado será nomeado mediante resolución da alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido musical. Nunha primeira fase, seleccionará de entre todos os traballos presentados un máximo de dez. Na fase final, as propostas seleccionadas como finalistas serán convocadas para unha actuación en directo.

A valoración será segundo criterios de calidade musical, orixinalidade, interpretación e letra.

Outorgaranse tres premios ás mellores propostas musicais de 1.000, 500 e 200 euros de entre os finalistas do concurso que actúen o día proposto pola organización. O primeiro premio tamén será obsequiado coa gravación en estudo da peza musical galardoada e a gravación dun vídeoclip da mesma.