O Concello de Vilalba, a través da concellería de Educación, Infancia e Mocidade que dirixe Paula Vigo, convoca unha nova edición do seu concurso “pinta e crea a túa cabaza” para celebrar o Samaín. Como noutros anos, o Concello convida á infancia e ás familias de Vilalba a deseñar as súas cabazas de Samaín, que serán valoradas nunha xornada con distintas actividades temáticas o vindeiro 1 de novembro.
A participación no certame inclúe dúas categorías: infancia, ata 12 anos, e familiar, na que pode participar os membros dunha familia sempre e cando se inclúa a un menor de 12 anos.
“Con esta actividade impulsamos unha festa tradicional como é o Samaín, á vez que promovemos a creatividade entre a infancia e as actividades interxeracionais en familia”, sinala Paula Vigo, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade.
Non será necesario inscribirse previamente no certame, senón que os participantes entregarán as súas cabazas para participar o mesmo 1 de novembro na Praza da Constitución de 11.00 a 12.00.
As cabazas estarán expostas ata as 17.00 para que o xurado valore os distintos deseños en función do uso de materiais reciclados, a orixinalidade e a creatividade, a dificultade da execución ou a relación coa festividade do Samaín. Na categoría infantil valorarase a autonomía e a presentación na elaboración do traballo. En ambas categorías, repartiranse premios ás tres mellores cabazas de 100, 75 e 50 euros.
Na tarde do 1 de novembro, durante a exposición das cabazas, o Concello de Vilalba proporá actividades temáticas como un túnel do terror e un magosto popular.