O CONCELLO DE VILALBA ASINA A ACTA DE REPLANTEO PARA COMEZAR AS OBRAS DO NOVO PARQUE ACUÁTICO DE VILALBA

O Concello de Vilalba asinou coa empresa adxudicataria e os arquitectos do proxecto a acta de replanteo previa ás obras de construción do novo parque acuático da Madalena, que servirá para impulsar e ampliar as posibilidades de ocio desta zona fluvial.

Por parte do concello, asistiron ao acto de sinatura a alcaldesa, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández. A empresa encargada da actuación é Obras e Servizos Gómez Crespo e o orzamento dos traballos é de 643.473 euros máis IVE.

O proxecto contempla tres piscinas, un edificio de servizos semisoterrado na ladeira, e varias zonas para descansar e tomar o sol, así como unha rampla que servirá para conectar entre si a zona fluvial coa das piscinas.

Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río.

Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos.

Tamén contará cun edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.

A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe a construción dunha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.