O CONCELLO CONVOCA UNHA BOLSA DE EMPREGO PARA CONTRATAR 2 OFICIAIS E 5 PEÓNS DE XARDINERÍA

A oferta é de carácter temporal cunha duración de 3 meses e o prazo de presentación de solicitudes remata este venres, 5 de xullo

O Concello vén de facer públicas as bases da convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego para a contratación de 2 oficiais e 5 peóns de xardinería ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental do ano 2024.

En canto ás características da oferta, cada contratación terá unha duración de 3 meses e a duración da bolsa será como máximo ata o 20 de outubro de 2024, polo que está previsto que o persoal seleccionado se incopore durante o presente mes de xullo ao seu posto de traballo para proceder ao acondicionamento e o coidado do paseo fluvial e área recreativa da Madalena.

Pola súa banda, a modalidade do contrato é a de eventual por circunstancias da produción e a xornada de traballo será completa, cun horario por quendas de mañá e tarde, establecéndose turnos rotatorios cada semana.

No referido ao proceso de selección, o sistema de acceso será o de Concurso-Oposición Libre e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata este venres, 5 de xullo. De tal forma que os interesados poderán presentar as solicitudes, no modelo oficial que se publica como Anexo I, no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica.

Posteriormente, os aspirantes admitidos enfrontaranse a unha proba práctica e unha proba de galego no caso de que non se acredite a posesión do Celga 3 ou estudos equivalentes. Finalmente, terase en consideración a fase de concurso, que terá unha puntuación máxima de 7 puntos, e valoraranse exclusivamente a experiencia profesional.