O CONCELLO CONSEGUE UNHA SUBVENCIÓN PARA A RENOVACIÓN DO PARQUE INFANTIL DA RÚA DA EMIGRACIÓN

A corporación municipal sacará nas vindeiras datas a licitación o proxecto que inclúe a instalación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude e a construción dun novo espazo para o lecer da veciñanza

A Concellería de Infraestruturas Urbanas vén de acadar a concesión dunha subvención por importe de 35.778,56 euros coa que, sumada á achega municipal de 15.333,67 euros, executará a renovación das instalacións do parque infantil localizado na Rúa da Emigración.

En concreto, trátase dunha axuda concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para acometer as obras cuxo proceso de licitación comezará nas vindeiras datas. Así pois, as labores supoñerán a colocación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude, así como a reparación e reinstalación dos xogos existentes, que se complementará co cambio de localización do mobiliario co que conta actualmente o parque infantil.

Deste xeito, a instalación adaptarase á nova estrutura prevista e facilitarase o acceso aos distintos xogos dos que disporán os nenos e nenas de Vilalba. Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco salientou que se trata dunha acometida “que busca proporcionar a máxima seguridade posible aos nenos e nenas no seu espazo de xogo, ademais de dinamizar o mesmo e proporcionar recursos adaptados ás necesidades dos máis pequenos”.

E para iso, o Concello procederá á demolición e retirada do actual pavimento amortecedor e ás soleiras de formigón que conforman a súa base, para logo instalar un novo pavimento de seguridade “con acabado de céspede artificial, que se integrará á perfección co aspecto visual das inmediacións do parque”, apuntou a rexedora vilalbesa.

Finalmente, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou que para reforzar a seguridade dos usuarios e usuarias «colocarase unha valla perimetral de madeira que deixará libre o actual acceso dende a rúa Nova Cazón, engadindo dúas novas entradas na rúa da Emigración e na rúa de Ribadeo mediante unhas soleiras de formigón».