As actuacións, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, incluíron o aglomerado asfáltico de 400 metros de firme
O Concello rematou no día de onte os traballos de rexeneración do firme das rúas que rodean a Praza da Constitución e da rúa da Emigración ata a súa intersección coa rúa Luis González Valdesuso.
En concreto, as travesías rexeneradas foron a rúa que une a Praza Suso Gayoso coa rúa José María Ledo Chao, un tramo da estrada que conecta a rúa José María Ledo Chao coa rúa da Emigración, o tramo da rúa Novo Cazón posterior á saída dos aparcadoiros subterráneos e, finalmente, a totalidade da rúa da Emigración ata a súa intersección coa rúa Luís González Valdesuso.
En total, os traballos incluíron o aglomerado asfáltico de arredor de 400 metros de firme ao que antecedeu o levantamento e pulido do firme existente que se atopaba nun notable estado de deterioro.
«O obxectivo é sempre mellorar as infraestruturas públicas e a vida diaria dos veciños e veciñas» sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que ademais lembrou «outras actuacións incluídas no Plan Único con esa finalidade como a rexeneración da travesía que une a Avenida da Terra Chá coa Rúa Mondoñedo, o pintado de varias rúas no casco urbano, e o subministro de luminarias solares».
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, asegurou que «a previsión é rematar por completo os traballos nas vindeiras semanas co pintado e a sinalización horizontal de todas as rúas que foron rexeneradas nesta última actuación».