O CONCELLO COMPLETA A REXENERACIÓN DA PISTA DO CARBALLO NA PARROQUIA DE GOIRIZ

Os traballos efectuáronse sobre máis de 900 metros de estrada e incluíron a limpeza e apertura de cunetas, ademais da colocación de tubos de drenaxe

O Concello vén de informar da finalización dos traballos de rexeneración levados a cabo polos dous equipos do parque móbil da Deputación de Lugo sobre o firme da estrada que atravesa o barrio do Carballo, na parroquia de Goiriz.

En concreto, trátase dun vial dunha lonxitude aproximada de 1.000 metros no que foi necesaria a rexeneración completa de 172 metros de firme e o bacheo parcial de arredor de 800 metros da estrada. Para proceder á súa rexeneración foi necesaria a aplicación de tres capas de rego e catro tipos de áridos de diferentes grosores.

Ademais, co obxectivo de asegurar o mantemento futuro das actuacións, o equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo tamén se desprazou ata Goiriz para proceder á consecuente limpeza e apertura de cunetas para obter un resultado final óptimo e seguro de cara á chegada do inverno. Pola súa banda, o acondicionamento de cunetas tamén incluíu a colocación de varios tubos de drenaxe para canalizar a auga.

«Neste caso trátase dun vial que dá servizo a un importante número de vivendas e que se atopaba nun estado notablemente deficiente, polo que estas actuacións foron fundamentais e agardamos que ofrezan á veciñanza unhas mellores condicións de seguridade e comodidade no acceso aos seus fogares», sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, a rexedora, Marta Rouco, tamén salientou que «un dos traballos máis importantes foi a limpeza de cunetas e, sobre todo, a colocación dos tubos de drenaxe, porque permitirán que durante o inverno a estrada se manteña en condicións óptimas e as choivas non arrastren o aglomerado da pista».