O CONCELLO COMPLETA A PRIMEIRA ACTUACIÓN DE DESBROCE DE PISTAS EN DIVERSAS PARROQUIAS DA ZONA RURAL

En total rozáronse 500 quilómetros de camiños e estradas municipais que se completarán cos 900 quilómetros correspondentes á segunda fase

O Concello vén de rematar a primeira fase de desbroce de cunetas en varias pistas das parroquias da zona rural. Dita actuación, supuxo a limpeza dun metro en cada unha das marxes das estradas para favorecer a visibilidade e a circulación dos usuarios e usuarias.

Os traballos de desbroce de camiños e estradas municipais leváronse a cabo, nesta primeira fase, sobre 500 quilómetros de viais, o que supuxo unha inversión de 27.500 euros para «favorecer o mantemento das pistas do rural durante o verán e cara finais da época estival acometer a segunda fase que permitirá o mantemento dos viais durante todo o inverno», explicou o concelleiro de Servizos Municipais, Eduardo Vidal.

Desta forma, será a comezos de setembro cando se retomen os traballos de desbroce e limpeza dos marxes dos camiños e estradas municipais, ampliándose para entón as actuacións sobre 900 quilómetros de estradas. Así, os traballos completaranse cunha inversión de máis de 130.000 euros que permitirán «levar a cabo un desbroce máis exhaustivo sobre unha superficie máis ampla das marxes das estradas» explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Pola súa banda, a rexedora tamén lembrou que «actualmente o Concello conta coa colaboración do equipo de terra do parque móbil da Deputación de Lugo para limpar e abrir as cunetas nas pistas rurais, de tal forma que se poderán complementar as diferentes actuacións e asegurar un estado máis óptimo das estradas de cara á chegada do inverno».