O CONCELLO COLABORA CO IES BASANTA SILVA NO CAMPUS DE REGUEIFA A TRAVÉS DA ÁREA DE PROMOCIÓN DA LÍNGUA

Vilalba acollerá o I Campus de Regueifa. A edil de Promoción da Lingua Mª Xosé Fernández e o Vicealcalde Modesto Renda participaron hoxe á mañá na presentación dun evento organizado polo IES Basanta Silva e o «Proxecto Regueifesta» e que nesta primeira edición contará coa colaboración do Concello de Vilalba.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES:

O Campus comezará mañá venres día 17 e, ata o domingo 19, reunirá a reguefeiros/as de 11 centros educativos de Vigo, Vila de Cruces, o Milladoiro, Compostela, Porto do Son, o Courel, Monforte, Carballo e, por suposto, de Vilalba.

As xornadas estan pensadas para ofrecerlle á mocidade experiencias inesquecibles, con actividades que inclúen talleres de técnicas de improvisación, formación e debates sobre o futuro desta expresión cultural galega. Así, entre outras actividades, realizaranse un semimario con Sés, un obradoiro con Laura Lamontagne e unha visita á Casa Museo de Manuel María. Ademais, o proxecto «Regueifando con pracer» gravará recursos para un filme sobre regueifa e muller e a regueifeira Raquel a Doallo dinamizará un grupo de traballo sobre a regueifa no séc. XXI.

REGUEIFA TOUR:

Pero sen lugar a dúbidas, un dos momentos máis destacados será o espectáculo «Regueifa Tour» e que se celebrará no auditorio municipal de Vilalba. Nel, colaborará o Concello de Vilalba e a mocidade participante terá a oportunidade de demostrar as súas habilidades de improvisación ante o público.

Este espectáculo, promete diversión, sorpresas e un ambiente que agradará tanto a grandes como a pequenos e o Concello quixo contar con «Josinho da Teixeira» e Lupe Blanco como artistas convidados.

LONGA VIDA Á REGUEIFA

A Concelleira de Promoción da Lingua puxo en valor o traballo do Equipo de Dinamización e mailo Clube de Regueifa do IES Basanta Silva de cara ao fortalecemento dunha rede de centros, facilitando o encontro de tantos adolescentes reguefeiros/as de toda Galiza.

Unha opinión tamén compartida polo Vicealcalde Modesto Renda quen ve «fundamental» o apoio a iniciativas coma esta de cara á necesaria defensa do noso idioma coa mocidade como protagonista.