O Pleno Municipal apoiou unha proposta do Vicealcalde Modesto Renda que incrementará en 46.000 euros o diñeiro destinado ás parroquias e posibilitará a rexeneración e mellora de tres viais de titularidade municipal en Nete e Oleiros.
Concretamente trátase dos seguintes:
1 – Vial de acceso aos barrios da Bouza e Lourixe, na parroquia de #Nete.
2 – Vial que une os barrios do Cal da Pena, Vilariz e o Carboeiro co veciño Concello de Cospeito dende a estrada da Deputación, na parroquia de #Oleiros. (Comunmente coñecida como estrada de «Cartas»)
3 – Vial que une a última casa do barrio de Agadín, o Abeledo e a Granda, ata o enlace coa estrada da Deputación que une #Oleiros coa Feira do Monte, en Cospeito.
A iniciativa foi aprobada pola #unanimidade de todos os grupos con representación municipal e o investimento total do Concello nas #parroquias no que vai de lexislatura ascende aos 787.000€, se sumamos os proxectos de #obra rematados e os que na actualidade están en execución.
A MODIFICACIÓN DE CRÉDITO EXPLICADA
A proposta da Área de Infraestruturas Rurais ó Pleno consistía en traspasar os 46.000 euros non executados da #partida consignada para sufragar as nóminas do persoal do Museo (75.000€) á que actualmente está destinada ás obras no #rural.
E falamos dunha cantidade non executada, pois a unha solicitude de excedencia, cómpre sumarlle a dunha baixa laboral que arroxan como resultante que, na presente anualidade,ese diñeiro en ningún caso podería adicarse ó fin último para o que foi consignado.
«Trátase de facer da necesidade virtude, xa que falamos dunha importante cantidade que quedaría sen executar. A política municipal son prioridades e o estado destes tres viais obrigábanos a actuar», explicou Renda.