O Concello de Vilalba celebrou esta mañá un pleno extraordinario no que se aprobou unha modificación de crédito de 662.288,08 euros con cargo ao remanente de tesourería para acometer diferentes obras e proxectos que mellorarán a vida dos veciños.
Esta partida incluirase nos orzamentos para o proxecto de renovación integral e humanización da rúa da Pravia, impulsando a recuperación para a veciñanza dun dos principais espazos públicos da vila.
A obra é moi necesaria ademais debido a que nestes últimos anos houbo diversas roturas nas canalizacións de auga. Nesta rúa existen tuberías de fibrocemento que están prohibidas dende o ano 2003, polo que é unha prioridade realizar esta actuación.
Una segunda obra que se poderá realizar co modificativo é a ampliación da rede municipal de abastecemento de auga na parroquia de Santaballa. O proxecto servirá para mellorar o servizo a 95 vivendas e explotacions gandeiras.
Tamén se renovará o pavimento da travesía da Ferrería. Esta obra xustifícase para dar solución a esta rúa no que atinxe o abastecemento de auga, evacuación de residuais e outras instalacións (iluminación), xunto coa humanización da zona como continuidade da actuación na rúa das Pedreiras.
Por último, renovarase o alumeado exterior en O Carrizo, Feiranova (Santaballa) e As Campelas (Rioaveso), con tecnoloxía LED para mellorar o servizo e reducir a contaminación.