As obras, cun orzamento de máis de 54.000 euros, céntranse na retirada de diversos elementos actuais para substituílos por outros novos que ofrecerán múltiples vantaxes
O Concello aprobou no pleno ordinario celebrado na tarde de onte o proxecto de aforro e eficiencia enerxética dos vestiarios do pavillón deportivo municipal localizado na Rúa Cuart de Poblet, do cal fai uso fundamentalmente o alumnado do CEIP Insua Bermúdez.
En concreto, trátase dunhas actuacións cun orzamento de 54.543,56 euros, con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, que inclúen a substitución da cuberta actual de chapa galvanizada por outra de chapa sándwich, a substitución da carpintería metálica exterior por outra de PVC e a limpeza e reparación da fachada mediante o selado de gretas, a reparación de descolchóns e o pintado exterior e interior con pintura impermeabilizable.
«Unha combinación de traballos que permitirán mellorar a dotación do espazo e o seu confort para a práctica deportiva», explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen ademais salientou que se trata «dunhas obras baseadas na sostibilidade, o que repercute nun importante aforro enerxético, económico e medioambiental para o noso Concello».
Nesa liña, as actuacións de aforro enerxético tamén incluirán a substitución dos 2 termos de auga quente eléctricos localizados nos vestiarios actualmente por unha bomba de calor que emprega a aerotermia tanto para a climatización como para a dotación de auga quente sanitaria.
«Falamos dunha reforma considerablemente importante que permitirá solucionar as deficiencias que presentaban as instalacións e que mesmo impedían que os nenos e nenas puideran empregalas con normalidade» valorou a alcaldesa, Marta Rouco, sobre unhas obras que, unha vez licitadas, terán un prazo de execución de 2 a 4 meses.