Nun dos inmobles, romperon a porta de acceso nunha zona de moito tránsito de nenos e nenas
O Concello de Vilalba advirte dos riscos para a seguridade dos edificios abandonados que son propiedade da Xunta de Galicia na contorna do auditorio Carmen Estévez.
Nos últimos días, o concello detectou que romperon a porta de acceso a un dos inmobles, co conseguinte risco de que poida entrar alguén a un inmoble en estado de abandono, nunha zona ademais do municipio con moito tránsito de nenos e nenas.
O concello demandou en reiteradas ocasións á Xunta de Galicia que realice os traballos de mantemento destes dous edificios. “Non temos resposta por parte do IGVS nin do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias”, asegura o concelleiro de Infraestruturas de Vilalba, Luís Fernández.
Nesta zona do casco urbano, o Concello de Vilalba vén de rematar unha importante obra de humanización, ampliando o espazo para os peóns, instalando novas zonas de descanso, renovando o alumeado e mellorando os servizos urbanos existentes.
Para completar esta mellora do espazo, o Concello de Vilalba esperaba derribar unha destas casas, propiedade da Xunta de Galicia e sen apenas valor, para construír unha praza que aproveitase a cidadanía.
Porén, malia que o Concello xa autorizou o derrubamento, a Xunta de Galicia aínda non tomou ningunha decisión respecto destes edificios, pero tampouco asume o seu mantemento.
O goberno local é consciente das queixas da veciñanza polo abandono destas propiedades e recalcan que é a Xunta de Galicia a propietaria dos edificios, polo tanto é tamén a responsable do seu estado de conservación.