O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLERÁ MAÑÁ SÁBADO, 22 DE FEBREIRO, UN ACTO DE HOMENAXE A SANTIAGO MATO VIZOSO

6 entidades vilalbesas uníronse para honrar a traxectoria do músico vilalbés que dará nome ao conservatorio municipal de música

O Concello presentou na mañá de hoxe o acto de homenaxe ao músico vilalbés Santiago Mato Vizoso que acollerá mañá, sábado 22 de febreiro, o Auditorio Municipal.

Unha presentación da que tamén formaron parte os representantes das demais entidades participantes na organización e no desenrolo do acto, así como nalgúns casos, na recollida de información sobre a traxectoria de Santiago Mato: a Banda de Música de Vilalba, a Escola de Teatro de Vilalba, a Coral Polifónica Vilalbesa, a Banda de Gaitas Mato Vizoso e o Instituto de Estudos Chairegos.

Así pois, a rexedora, Marta Rouco, destacou “a importancia de tecer redes e unir forzas entre as entidades da nosa vila para cuestións coma esta, nas que se pon en valor a traxectoria dun músico vilalbés destacado e, á súa vez, se pon de relevancia a tradición da música vilalbesa”.

Nesa liña, o Instituto de Estudos Chairegos presentou, o pasado mes de xaneiro, á Comisión de Honras e Distincións do Concello a proposta para outorgar ao conservatorio municipal o nome de Santiago Mato Vizoso, quedando ratificada tras a súa aprobación por unanimidade no pleno ordinario da corporación.

Agora, o Concello e as demais entidades organizadoras teñen xa a vista posta no acto de homenaxe que se celebrará mañá, sábado 22 de febreiro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal e no que se colocará a placa que dá conta deste nomeamento.

Unha cita que comezará cunhas palabras sobre a traxectoria de Santiago Mato Vizoso a cargo do músico Xosé Ramón Vázquez Carreira, para continuar coa participación musical da Banda de Música de Vilalba, a Coral Polifónica Vilalbesa e a Banda de Gaitas Mato Vizoso.

Ademais, no acto tamén terá lugar a cesión por parte do Instituto de Estudos Chairegos ao pobo de Vilalba do piano de Santiago Mato Vizoso doado por Pepa Baamonde, bisneta do músico vilalbés, que será colocado no vestíbulo do Auditorio Municipal.