“Alumeado Público” é a tipoloxía de incidencias máis comunicada por parte dos veciños de Vilalba
O Concello de Vilalba manifesta que a posta en marcha do servizo ‘Liña Verde’ continúa a implementar melloras no municipio a través da participación cidadá e da resposta por parte da área delegada de Servizos na resolución de incidencias.
A día de hoxe, recibíronse 897 incidencias, das que xa se resolveron o 77%. O tipo de comunicacións máis frecuentes son as que fan referencia ao “alumeado público”, seguido de “beirarrúas e estradas”, “mobiliario urbano”, “sinalización e semáforos” e “lixo”.
Grazas á implicación directa da veciñanza, o consistorio tivo coñecemento de múltiples actuacións, algunhas de rápida solución e outras que requiren máis tempo.
Para poder empregar este novo servizo, é necesario proceder á descarga da APP Línea Verde, accedendo a google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no Smartphone de cada persoa usuaria (Android/iOS). A descarga é gratuíta, debendo seleccionar o municipio sobre o que se quere comunicar a incidencia. O procedemento é rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, basta con premer sobre o botón “Nova incidencia”, seleccionando a continuación a tipoloxía. De forma automática, a APP detecta as coordenadas nas que se ubica o desperfecto. O seguinte paso é adxuntar unha fotografía da incidencia e observación sobre a mesma. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe a notificación e inícianse os trámites para dar solución. O veciño ou veciña é avisado no momento en que se solucione a incidencia.
A través de Liña Verde, tamén se poden plantexar consultas medioambientais, obtendo resposta nun prazo máximo de 24 horas por parte dun equipo de expertos na materia sen ningún custo.